Así foi a miña ascensión ao Shisha Pangma Central (8.012 m), e descenso.
Antes de comezar, un par de aclaracións:
– O Shisha Pangma está formado na súa parte superior por unha longa aresta nevada en cuxos extremos se identifican dous cumios, o Central e o Principal. O Principal (8.027 ou 8.013 m, segundo as fontes), é un dos afamados 14 cumios principais de oitomil metros do mundo e era o obxectivo da miña expedición. O Central (8.008, 8.012 ou 8.014 m… segundo as fontes) é un cumio secundario, pero está recoñecido como cumio oficial de oitomil metros; eu emprego a cifra de 8.012 porque é a que figura nos certificados de cumio que emiten os chinos.
– Na prestixiosa web española www.desnivel.es (07-10-2013), apareceu a nova de que o polaco Andrzej Bargiel fixera cumio en solitario, o 2 de outubro, no Shisha Pangma Central (8.012 m). Pois ben, eu tamén estaba por alí, e ademais fixen cumio o mesmo día e pola mesma ruta, a normal da cara norte. En Desnivel xa teñen a miña versión da ascensión, e conto que a publiquen porque ma pediu o seu director. De momento eu xa a publico a continuación. Os horarios expresados son locais (Tíbet-China), motivo de moitas confusións, pois no CB empregábase o chinés e o nepalí (unhas dúas horas menos).
Como sabedes, compartín a expedición ao Shisha Pangma cun equipo de 4 polacos; o seu obxectivo principal era conseguir que Andrzej descendera do cumio con esquís, e o lograron. Así, os 5 temos compartido viaxe e estancia no CB, baixo a organización da coñecida axencia nepalí Seven Summit Treks. A relación foi boa, a pesares das dificultades polo idioma, temos rido.
A miña expedición foi individual, non contei con sherpa nin compañeiro de ascensión, logo na montaña non adoito estar só, inda que frecuentemente si, e establezo a miña estratexia pola miña conta… e risco. A min gústame a soidade na montaña, intimo con ela, pero non rexeitamento a presencia doutros montañeiros, simplemente gozo da montaña en calquera caso. O que si conto é co apoio dalgunhas entidades e sobre todo de moita xente, principalmente de miña benquerida terra galega, a quen lles agradezo enormemente a súa confianza, ánimo e empuxe.
O sábado 5, recollo todo, é moito material a cargar, pero nunca deixo nin o máis mínimo resto (excepto o material orgánico), e o peso é brutal. Fabrico una especie de macuto para deslizar sobre a neve e aliviar a mochila, descendo ata a lingua do glaciar (penitentes), onde non me queda máis remedio que cargar todo ás costas para cruzar o xeo, é o último obstáculo importante, e onde por certo terminou o descenso de 1h20´ de Andrzej esquiando dende o cumio. Superar ese obstáculo tan cargado, supúxome 3 horas e cuarto (con anterioridade xa o tiña realizado en apenas unha hora, sen carga). Foi moi duro. Despois inda tiña que realizar un penoso descenso pola pedregosa beira do glaciar ata o CB, un percorrido normalmente de 2 horas mínimo, pero o axudante de cociña do meu campamento esperábame para axudarme. Non pedira axuda, pero aceptei gustoso o seu ofrecemento. Cheguei ao CB esa tarde, moi canso, pero moi feliz, á fin e ao cabo conseguira chegar ao cumio, fermoso lugar estea onde estea; espremese o meu corpo ao límite, sufrido e resistido… e sentido intensamente, vivira outro soño e iso é, en definitiva, o que fai que a vida mereza a pena, loitar polos nosos soños.
Día 6, domingo. Desmontamos o CB, marchamos da montaña. Tamén o fai o grupo de Carlos Soria. Mentres, Danilo, Eelco e Frank, marchan cara o C1 para un último intento de cumio, teñen montados os seus campamentos 1 e 2. Pero está nevando, e xa son varios días igual, dígolles que deberían esperar, hai moita neve fresca, pero din que non teñen máis días. Os nosos iacs están rebeldes, unha e outra vez espallan a súa carga e non damos avanzado. Por fin tras varias horas, iniciamos a marcha sen ter que parar cada dous por tres. Eu vou moi canso, e o meu 7º día consecutivo sen descansar e cargando coa mochila. Por fin, xa noite chegamos ao CB chino, perdín a conta das horas, pero tardamos máis que cando subira unhas semanas antes, o manto de neve en toda a ruta fixo o percorrido máis duro e interminable. Esperábannos un jeep e un camión no que cargamos o material que portaban os iacs. Marchamos rápido, pretendíamos chegar a Zhangmu, preto da fronteira, pero os guías consideraron que quedaramos en Nyalam, porque xa era moi tarde.
Luns, 7. Reiniciamos a viaxe rumbo a Kathmandu, e como xa o contei en facebook, non o vou repetir para non ser pesado. Pero si poño unhas fotos.
Días 8, 9, 10 e 11. Descanso, relax, charlas con compañeiros da aventura, revisar material, limpar e secar. Meu corpo vai recuperando algo de peso e van desaparecendo as marcas do frío e o sol, sobre todo na pel da cara e os beizos, os que máis sofren. Tamén vou recuperando a sensibilidade dos dedos, non teño conxelacións pero a exposición ao frío deixa secuelas temporais que duran unhas semanas, sobre todo nos dedos e dedas que si teñen sofrido conxelacións anteriores. Parte do meu tempo vai para facer algo de turismo e dar paseos pola sempre interesante cidade de Kathmandu. Hoxe, mentres almorzaba con Jakob, chegou Eelco, contounos a peripecia do seu trío no último intento de cumio, no que non pasaron do C1, por mor da abundante neve e as avalanchas constantes, e tiveron que dar por perdido o seu C2, mágoa, porque aí quedan moitos cartos invertidos, ademais das ilusións.
Mañá día 12 inicio a miña viaxe de regreso a Vigo, onde teño previsto chegar o domingo 13, ás 19.22 h (estación de tren de Vigo-Guixar). Festival de apertas!!!
Sechu López
Kathmandu, 11 de outubro de 2013.
50 Aniversario da Federación Galega de Montañismo (1963 – 2013).
SMS recibidos dende 28 de setembro:
Dende o artigo anterior teño recibido sms de:
Patri, Rosa Luengo, Jony (fisio), Juan Taboada, Alberto Filgueira, Victor Impar, Abel A.R., Mariano, Nacho e Mercedes, Lourdes Castiñeira, Susana, Alex, Ivan EGAM, Bran, Ana Tika, Jose Carlos, María Amate, Javi Diéguez, Xoan Carlos, Rosiña Paredes, Manu B., Antonio e Conchi, Make-Beni, Xulio, J.C. Homobono, Ana Caramés, Alex Sevilla, Jaco, Nerea, Ximnasio Saúde e Deporte, Fisio Lence & Martínez, Carlos chistes, Jose Díaz, Marisa, dfd, Luís González, Nacho, Carlos Garrido, Roberto López, Iago Celtas, Manoel (Manu), Rocío, Adolfo Puch, Helga, Haritz, Manel – Concello de Vigo, Agus, Manoel Chao, Ignacio López-Guerra, Stefano, Tinker, David, Andrea Michele, Pedro, Ana, Françoise, Armando, Isa FGM, Marian Ribeira, Marcos, C.M.Celtas.
Nota: O meu teléfono satélite xa non está operativo.
Compartir esta entrada