A preparación da expedición
– Astazú Occidental (3.007 m), saíndo dende Pineta e pasando polo Balcón de Pineta. Primeiro tresmil de Roi.
– Posets (3.372 m), saímos do Refuxio Viadós (1.760 m). A xornada anterior nevara e a ruta estaba máis perigosa do previsto, polo que a cen metros do cumio e metidos nas nubes, paramos e tras analizar a ruta a seguir, díxenlle a Roi que el non pon podía subir. A maioría do grupo deu volta, pero cinco chegamos ao cumio, nevando algo e sen visibilidade. Durmimos no refuxio.
– Gran Bachimala (3.174 m), dende o refuxio. Fixemos a ascensión os dous sós e estivemos no cumio máis dunha hora, o día era magnífico e a vista circular perfecta. Alí arriba coincidimos cun numeroso grupo do Club Alpino Ourensán.
Alpes, última semana de agosto.
Aceptei gustoso a invitación de Coru (Juan Rivas) de ir a Suíza, a súa terra de adopción, para facer a aclimatación previa á expedición. Ademais de adestrar en altura e preparar o meu corpo, tamén aproveitei a viaxe para probar material novo: botas de inverno, tenda lixeira, frontal, piolos, botella-termo, micro-cociña, lentes de sol, GPS… A hospitalidade de Coru e a súa moza Sarah, foi moi de agradecer.
O plan era facer algunhas noites e actividade por riba dos tresmil metros e intentar un par de cumios de catro mil, sen nada definido de antemán. Saíu bastante ben, a pesares de que a méteo non foi moi boa, inda que permitiume facer cousas:
– Travesía en solitario, partindo de La Claux (2.200 m) ata o Col da Claux (2.940 m) dende onde fun enlazando cristas, ata o Mont Fort (3.308 m), preto de aquí, no desvencellado Refuxio de les Colomels (3.286 m) pasei so a primeira noite (ao refuxio fáltalle o seu sustento en boa parte da súa base por un derrube). Ao día seguinte continuei cristeando, un auténtico rompepernas, pasando polo Col de Louivie, a Tête de Monin (3.059 m), ata o Rosablanche (3.336 m) e sempre pola crista e metido nas nubes ata onde me deu o corpo, momento no que montei a tenda nunha repisa para facer noite (3.146 m). Na xornada seguinte seguín pola crista, pasando polo Lui des Chamois (3.193 m), ata un cumio de 3.210 m, ía en dirección ao Pointe du Valsenay, onde as nubes quitaron outro día máis a visibilidade e decidín baixar ao val polo Col du Crêt, dando por terminada a travesía en Fionnay (1.501 m), onde viu recollerme Sarah. E, ao día seguinte:
– Combin de Valsorey (4.184 m). Iniciamos a ascensión no aparcadoiro (1.856 m), ás 4.35 h e ás 7 da mañá estabamos no Refuxio de Valsorey (3.031 m) onde a maioría dos escaladores fan noite para repartir a ascensión en dúas xornadas. Tras unha parada de 20 minutos para comer unha barriña e calzar as botas (ata aí chegamos en tenis), continuamos ascendendo ata os 3.663 metros, onde chegamos ás 9.05 h. Aquí comeza a aresta duns 500 metros de desnivel que leva ata o cumio, cun inicio espectacular e comprometido en roca descomposta e terreo mixto (bastante neve para ser finais de agosto), que deixoume bastante preocupado. Máis arriba calzamos os crampóns. Case sempre foi Coru diante, porque é mellor escalador, porque coñece mellor ese tipo de roca, porque ten máis envergadura, e sobre todo, porque eu teño fillos e el de momento só está adestrando para telos. A roca descomposta metía medo e parecía que íase desmoronar en calquera momento, máis na baixada, pola subida da temperatura. Fixemos cumio ás 15.45 h e xa non seguimos ata o cumio principal do Gran Comben (4.314 m), por ser unha travesía sobre neve xa moi branda e perigosa polo tardío da hora. Descendemos con moita precaución e chegamos ao refuxio xa coa luz dos frontais que tivemos que sacar a escasa media hora do refuxio, onde despois de cear algo, continuamos descendendo durante dúas horas máis ata o coche. En total 19 horas e media de actividade, case sen descanso.
Pouco antes do inicio da expedición sumouse ao proxecto o Concello de Vigo, grazas ao esforzo constante por conseguilo do Concelleiro de Deportes, Manel Fernández. Tamén contei coa colaboración de Marcos Requejo (produtos PowerBar).
Sechu.
Nyalam (Tibet), 8 de setembro 2013
Compartir esta entrada