Primeiros pasos da expedición

Cheguei de Suíza o 1 de setembro, na báscula de casa pesei espido só 64 quilos, cando o meu peso ideal son preto dos 70. Evidentemente vou de expedición moi baixo de peso.

O día 2 iniciei a viaxe na estación de tren de Vigo, o tren saía ás 22.14 h e cheguei só 10 minutos antes, pero foron suficientes para sentir unha numerosa e cálida despedida.

Xa en Madrid tiven que facer algunhas compras, a principal, e a correr, unha nova cámara fotográfica, xa que en Alpes, con tanta crista rochosa, rompín a cámara que usara o pasado ano ata o cumio do Annapurna; e tamén comprar unhas lentes de xistra, que esquecín en Vigo (gastos imprevistos, nada máis comezar). O resto da viaxe, ata Kathmandu, transcorreu sen incidentes. Á cidade cheguei o día 4 e estiven 3 días. En Nepal son +3.45 horas, respecto a España. Estiven cos cataláns Ferrán Latorre e Xavi Arias (ver o meu facebook), e tamén co zaragozano Javier Camacho e o navarro Javier Zabalo, quen van como Xavi ao Manaslu.

Contratei a expedición (aloxamento en Kathmandu, viaxe ida/volta ao Campo Base e estancia nel) coa axencia nepalí Seven Summit Treks, a mesma do ano pasado, pero este ano ten un custe máis elevado, só a axencia son 7.500 dólares (no Annapurna foran 6.000), debido as altas taxas dos chineses. Ademais este ano a axencia cobra varios extras que o ano pasado estaban incluídos (gas, taxas de aduana por cargo aéreo, etc.).

Comparto a expedición cun grupo de 4 polacos, que antes de ir ao Campo Base (CB) van facer un treking ata o Monte Kailas, duns 8 días. Ningún dos 5 contratamos sherpas, polo que ata que os polacos cheguen ao CB, estarei unicamente co cociñeiro, un home simpático chamado Rinji Sherpa, que fala varios idiomas (sherpa, nepalí, tibetano e inglés), inda que non sabe ler nin escribir ningún, pero pode falar con calquera e a min dáme envexa, e xa estame ensinando a dicir cousas en tibetano.

O día 7 saímos de Kathmandu, máis tarde do previsto porque os polacos o tomaron con moita calma (como todos os días). Preto da fronteira, na aldea de Kodari (1.700 m aprox.), quedamos nun hotel, dixéronnos que non podíamos seguir por un problema eléctrico. Quedamos estrañados, pero aceptamos resignados. Pola tarde fun correr unha hora, pero antes tomei unhas fotos, sobre todo dos numerosos rapaces da vila.

O día seguinte continuamos a viaxe, fomos a pé ata a fronteira, uns 20 minutos. Cruzamos a “Ponte da Amistade”. A outra beira do río é territorio chino, pero inda non estaba no Tíbet, tiña que pasar o control fronteirizo… e non foi doado. Non aparecían os documentos orixinais que acreditaban que eu tiña permiso para entrar, polo que pasaron todos os demais e logo todo o material, tamén o meu. Quedei so no lado nepalí, sen máis que a miña mochila lixeira. Dixéronme que tiña que esperar 1, 2, 3 horas… ata aclarar o asunto. Mentres puiden ver como pasaban todos os nosos bidóns e macutos polo scaner, e como abrían algúns bidóns e sacaban cousas. Estaba preocupado (e tiña máis motivos que xa contarei). De súpeto enxéñanme os papeis que faltaban, pero dinme que se quero pasar a fronteira teño que contratar jeep para ir ata o CB, que os outros xa marcharon, e que tiña que pagar 200 dólares e… que tiña que decidirme xa! que estaban a piques de pechar a fronteira, pois pechaba á 13.00 h… pero non entendía as presas, eu tiña as 10.30 h (pero eran as 12.45 h do outro lado da fronteira!!!). Aceptei! E pasei. Fun nun jeep ata Zhangmu (2.300 m), ao pouco de cruzar a fronteira, onde estaba o resto do meu grupo. Todo quedou aclarado e non tiven que pagar nada. Comemos alí e seguimos viaxe ata Nyalam (3.765 m), onde instalámonos nun hotel, logo din un paseo pola cidade. Así que de momento estase a cumprir bastante ben o programa previsto. En Tíbet son +6.00 horas, respecto de España.

Hoxe foi xornada de aclimatación e quedamos nesta cidade nada atractiva, exceptuando algunhas casas típicas. Almorcei cun grupo de españois que van ao Cho-Oyu, entre eles Fernando Garrido. Pola tarde subín ata os 4.306 m, ascendendo uns 540 metros de desnivel, para descender trotando. Atopeime ben e non tiven dor de cabeza. A méteo ata agora é boa.

Mañá partimos. Rinji e máis eu para o CB chinés.

Sechu.

Nyalam (Tíbet), 9 de setembro 2013