Nyalam – Campo Base Avanzado (5.620 m)
O día 10 partimos de Nyalam, ese día o que se atrasou fun eu, por querer aproveitar Internet ata o último momento, xa que ao deixar esa cidade dependía completamente do meu teléfono satélite para conectarme á rede, o que é máis difícil e moito máis caro.
Viaxamos nun jeep os catro polacos e mais eu, ademais do obrigatorio guía tibetano e o chofer. Tirando fotos dende as fiestras e facendo unha parada en plena estrada, para fotografar dous “yak” loitando. Fixemos outra parada no Tongla Pass (5.060 m), onde merquei algunha cousa a un vendedor tibetano que estaba no lugar (foto en facebook). Un pouco máis adiante, chegamos ao desvío para o CB chino do Shisha Pangma, onde os polacos seguiron no jeep cara o seu treking e eu pasei ao camión onde xa viaxaban o cociñeiro, un axudante de cociña tibetano, outro guía tibetano e o chofer. Así chegamos ao Campo Base Chino (5.020 m), onde está o “oficial de enlace chino” que controla aos expedicionarios. Axudei a descargar o camión ata que a dor de cabeza me fixo deitarme. Preto de nós estaba un grupo de catro europeos, un suízo (nado en Holanda) e un alemán (aos que xa coñecera no avión), un danés e un italiano. Pasei unha boa noite na miña solitaria tenda.
O día seguinte o tomei de relax, para ir adaptándome á altura. Fixen fotos, iso si, gústame a fotografía e no paseo diario para gañar altura, atopei un pequeno carnívoro que me deleitou coa súa presenza (ver facebook).
O día 12 marchou o grupo europeo, tras eles saíron os seus yaks, con espectáculo incluído pois inda que parecen animais dóciles, dous deles desbocáronse e espallaron a súa carga, algunha acabou no río. Graveino en vídeo e é divertido, pero non o podo subir ao blog, porque non teño unha boa conexión a Internet, sería moi custoso para min. Este día a méteo non foi boa.
O venres 13 partimos do Campo Base, o axudante de cociña tibetano “Congá” (que non fala absolutamente nada de inglés), os yaks cos seus pastores, e máis eu. Saímos as dez da mañá e chegamos ao CB Avanzado (CBA, 5.620 m) preto das tres da tarde, parando só 20 minutos a comer. O previsto era repartir a ascensión en dúas xornadas, pero me dixeron que a maioría das expedicións soben do tirón, pois facilita a loxística. Aceptei contando que o CBA estivera a 5.400 m como me asegurou o oficial chino. Cheguei con dor de cabeza e nevando.
O cociñeiro quedou no CB anterior para esperar polos polacos, polo que aquí estou de prestado noutra expedición, a dos 4 europeos, con quen teño trato cordial, pero nótase que eu non son do seu grupo (xa levan xuntos dende Kathmandu), teñen mesa para catro e eu teño que comer nunha esquina, a verdade non estou cómodo. Ademais ao non falar inglés fluído é un inconveniente nas conversas.
Día 14. Este día atópome bastante ben, pero descanso, reparo o cargador de baterías da axencia e por fin podo cargar o meu portátil. Inicio a tarefa de organizar as miñas cousas neste campamento que será a base das sucesivas ascensións. Meteogalicia informoume de que nos vindeiros días a méteo será boa no CB.
Domingo 15. Xornada que dedico a subir metros e ver como responde o meu corpo á altitude. O conto en facebook.
Día 16. Inicio a xornada almorzando cos catro europeos na súa tenda comedor, falamos dos nosos respectivos plans. O italiano Danilo e o danés Jacob suben hoxe ao C1, mañá prevemos facelo os outros tres, o suízo Eelco e o alemán Frank, e eu tamén se paso boa noite e podo madrugar. Despois tomei unha ducha, a primeira dende Nyalam. Pola tarde chegan os polacos e Rinji, o noso cociñeiro, por fin. Tamén chega a expedición de Carlos Soria, venme visitar o seu sherpa Muktu e informoume da chegada do numeroso grupo hispano, a quen logo fun eu a visitar, pero falamos pouco pois xa comezaban a cear.
Hoxe foi a velada máis agradable dende que estou no Tíbet, a relación cos polacos foi moito máis cálida, antes de cear preguntáronme pola zona, que sabía da ruta e enxeñeilles as fotos do día anterior, durante a cea falaban en polaco, coma sempre, pero pedíronme desculpas por elo, ao que lles respondín que non se preocuparan, que era normal. Tras a cea quedaron dous deles e falamos largo rato en inglés, facendo un esforzo por entendernos e coñecernos, mentres tomábamos un te tras outro. Foi grato.
Ata agora teño recibido sms no meu teléfono satélite de: Pedro, Xulio, Javi Diéguez, Manu, Salome Galidomi, Alfonso, Patri, Juan Taboada, Lourdes, Mamá e Marisa. Se alguén máis envioume mensaxes, perdéronse. Algunhas sms chéganme incompletas, tede en conta que o máximo son 145 caracteres e non se pode poñer ningún destes: ñ, ¡ , ¿ , nin poñer til nas letras (´), porque de poñelo a sms non chega. Lembrade tamén que o envío destes sms é de balde (gratis) e son de agradecer. E ademais de poñer o voso nome poñer tamén o apelido ou algo para que vos identifique, porque me ten pasado outros anos de recibir sms de diferentes Alfonsos, Carlos, Anas… e non sei de quen son!
Sechu.
CBA Shisha Pangma, 16 de setembro 2013
Compartir esta entrada